Manter as ferramentas a punto
Esta entrada recolle unha idea que Stephen R. Covey propón na súa obra "7 hábitos da xente altamente efectiva". Concretamente o 7º Hábito "Afiar a serra".
O caso e que este autor fala a importancia de coidar, de manter a punto, diversos aspectos da persoa sen os que calquera outro esforzo amosaría eivas importantes. Sinala que é fundamental coidar e "alimentar" axeitadamente as dimensións física, mental, social/emocional e espiritual. A atención a cada un destes aspectos, que está na nosa man, ten que ser unha prioridade.
Se esto é importante para toda a xente, para todas as persoas, é ainda máis importante para as educadoras e os educadores sociais.
Educadoras e educadores témonos a nos mesmos como a ferramenta, a tecnoloxía, fundamental. Nos mesmxs en relación con outrxs nun contexto concreto. Moitas veces sen mediación doutros elementros. En ocasións en situacións vitáis moi complexas, moi complicadas.
É por esta razón que temos a necesidade, a obriga, de investir tempo e esforzos en coidarnos. De buscar espazos para elaborar as experiencias que nos toca vivir no desempeño da nosa profesión. De procurar e compartir experiencias, perspectivas, coñecementos, ... Soas/sos, como equipo, con outras/os profesionáis da educación social ou do ámbito no que estamos a desenvolver o noso traballo... Aquí, por propia experiencia, teño que sinalar a importancia do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) de dos diferentes grupos de traballo, que constituen alguns destes espacios de reflexión e crecemento
E darlle a todos estes aspectos un lugar prioritario no noso desenvolvemento profesional e persoal, no noso día a día, porque será ben para nós e tamén para as persoas ás que atendemos

Comentarios
Publicar un comentario